COMPETENCIAS DIXITAIS EN OFIMÁTICA
06-10-2014
O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado 25 de setembro a primeira convocatoria para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática, que oferta 360 prazas. Para acadar a certificación, que emite a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), é preciso superar un exame, tras o seguimento dun curso de preparación na modalidade de teleformación a través das aulas CeMIT.Para acceder a este curso, os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos, estar dado de alta como usuarios da rede CeMIT e abonar a taxa correspondente aos dereitos de exame.
O curso, con 190 horas de formación, habilitará ao alumnado para a realización da proba de avaliación que será necesario superar para obter a certificación. Así o se recolle o Decreto 218/2011 que a regula, e que terá carácter presencial para garantir a calidade e transparencia do proceso de acreditación.
Plan Formativo Ofimático de Galicia
Durante a realización deste curso, as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:
• Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
• Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
• Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
• Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
• Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)
Próxima convocatoria de exames presenciais
No vindeiro mes de outubro publicarase mediante nova resolución no DOG a convocatoria de exames presenciais en diferentes aulas CeMIT para avaliar a todas aquelas persoas que xa posúan os coñecementos necesarios sen necesidade de realizar cursos de formación.
Desta forma, os cidadáns terán a súa disposición unhas datas concretas nunha serie de aulas CeMIT que lles acercarán esta posibilidade a súa comarca, evitando desprazamentos dende a localidade onde residan.
Resolución do DOG nº 183 do xoves, 25 de setembro de 2014
INFORMACIÓN:Axente TIC de Fisterra (Alicia López) na aula CeMIT ou no tel. 673081740