Portal Fin do Camiño


Etapas


Etapa 1

SANTIAGO DE COMPOSTELA - NEGREIRA - (22 Kms)

O camiño a Fisterra parte da praza do Obradoiro, percorrendo as rúas das Hortas, Poza do Bar e a Carballeira de San Lorenzo, chegando nun empinado descenso a Ponte Sarela e Sarela de Abaixo, lugar último onde se poden observar as torres da Catedral.

Tras pasar Ponte Sarela cóllese, durante un treito, agora en ascenso, unha angosta vereda que nos levará por un labirinto de camiños ata a aldea de Moas de Abaixo.

Multiplícanse os camiños ata chegar ao val de Roxos e continuar ascendendo ata alcanzar o lugar coñecido coma Alto do Vento, a partir de cuxo punto o Camiño inicia o descenso cara Augapesada, pasando polas aldeas de Ventosa e Lombao.

Ao saír de Augapesada comeza un forte ascenso de apenas tres quilómetros, por camiño real, para logo descender ata a localidade de Trasmonte.

Un suave descenso achéganos a Ponte Maceira, atravésase o seu núcleo monumental e tras pasar a ponte nova dirixímonos cara Barca e de alí a Chancela de Abaixo que está unida ao pobo de Negreira.

 

ALBERGUE DE NEGREIRA

Edificio de nova planta, está situado nun núcleo rural a 1.000 metros da zona urbana de Negreira. 


Albergue de titularidade da Xunta de Galicia, a súa capacidade é de 33 prazas e 2 delas para minusválidos. Aberto as 24 horas e dispoñible todo o ano.

 

SERVIZOS DISPOÑIBLES:

  • Cociña comedor e sala de estar
  • Cuarto de limpeza
  • Lavandería e tendedeiros
  • Aparcadoiro para bicicletas
  • Auga quente e auga potable
  • Calefacción
  • Duchas e aseos
  • Botiquín
  • Teléfono Público
Compartir: