I FEIRA NA RÚA
04-03-2016
O concello de Fisterra está a organizar, para os vindeiros 30 de abril e 1 de Maio do presente ano, diferentes actividades coa denominación I FEIRA NA RÚA, e baixo o lema "CULTURA NA RÚA" pretende, no só fomentar a mostra e a venda da artesanía galega e propiamente fisterrá, senón tamén facer da rúa un espazo aberto á Cultura polo que para eses días contaremos con varias compañías de teatro, música e diferentes actuacións tanto de fóra como de fisterráns que, para estas xornadas, colaboran coa organización.
A rúa será polo tanto un imaxinario escenario onde ademais desas actividades contará con exposicións, demostracións en vivo e talleres.
Para isto pedimos a COLABORACION dos veciños e dos establecementos comerciais (especialmente os da Rúa Real, que durante esas xornadas estará pechada ao tráfico) a que se vistan con Traxes representativos de Galicia (finais século XIX principios do XX) e a que engalanen as portas dos seus locais e casas nese ambiente galego.
Animamos a todos os veciños a participar como só vós sabedes facelo nesta festa da Cultura Fisterrana.
Todas aquelas persoas interesadas poden anotarse, desde o día 7 de marzo ata o 15 de abril, na Concellería de Cultura do Concello de Fisterra, no teléfono 981.74.00.01 Ext 6 (de 9:30 a 15:00 h) ou no correo culturafisterra@hotmail.com.