PROXECTO "CIENCIA NO CAMIÑO"
09-09-2021
O mércores 15 de setembro, ás 17:30h, presentarase no salón de actos do Concello de Fisterra o proxecto ‘Ciencia no Camiño’, que promove a cultura científica e a innovación no Camiño de Santiago a través da divulgación, o debate, exposicións e obradoiros. ‘Ciencia no Camiño’ está incluído na convocatoria O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia.
O evento enmárcase na parte do proxecto consistente en charlas e reunións con expertos, que se desenvolven en centros culturais dos distintos municipios participantes. Trátase de charlas e reunións de carácter participativo e interactivo que pretenden potenciar a educación científica e emprendedora entre o público xeral, así como poñer en valor o potencial do turismo científico no noso territorio.
A actividade comezará coa presentación de María Dolores Pena, presidenta da Asociación Galega de Profesionais do Desenvolvemento Local (Afiprodel), o saúdo do alcalde de Fisterra, José Marcote Suárez, e a intervención de Minia Del Río Arca, CEO e fundadora de Latexos de Turismo, cuxa ponencia terá o título de «Ciencia, camiño e espiritualidade».
A mesa redonda contará con catro relatores:
- Mónica Rodríguez Ordóñez, alcaldesa de Vimianzo, que falará sobre o programa «O Teu Xacobeo» en Vimianzo
- José Marcote Suárez, alcalde de Fisterra e secretario da Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía, cuxa intervención terá o título de «Alcaldes no Camiño»
- Jesús Picallo Santos, presidente da Asociación de Empresarios do Camiño de Santiago a Muxía (SOLPOR) e vicepresidente do Clúster de Turismo de Galicia, que falará do papel de SOLPOR no Camiño Fisterra - Muxía
- Francisco Manuel López Martínez, guía do Museo da Pesca de Fisterra, que falará sobre os recursos turísticos de divulgación científica no Camiño da Costa.
‘Ciencia no Camiño’ é unha iniciativa financiada ao abeiro do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia e está liderada por Afiprodel. Os socios da iniciativa son a Fundación Uxío Novoneyra, o Grupo de Innovación Docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da Universidade de Santiago (USC) e o Grupo de Estudos Territoriais da Universidade da Coruña (UdC).