"O CRIME DA ORCA VELLA"-AULA DE TETRO MUNICIPAL
17-09-2021
“O crime da Orca Vella” é unha ficción sonora, resultado do traballo realizado no curso 2020-2021 na Aula de Teatro Municipal de Fisterra organizado pola Concellería de Cultura.
Nestes tempos de restricións que nos tocou vivir, as escolas de teatro tamén sufriron limitacións que moitas veces, dificultan o traballo e os procesos de aprendizaxe. Por sorte, o teatro ten a facultade máxica de transformar a necesidade en virtude. Así, de non poder achegarnos, e moitas veces nin xuntarnos, naceu a idea de traballar este “radioteatro”. Un proxecto no que poder xogar mantendo a distancia física e, chegado o momento, tamén compartir con todos e todas, sen limitacións de aforo.
Investigamos sobre a creación con sons e sobre as posibilidades da propia voz. Desta busca das actrices foron saíndo diversas personaxes que deron o xogo preciso para crear unha historia e transmitila unicamente a través do son.
Dez actrices de Fisterra poñendo todas as ganas e toda a súa creatividade para crear ficción sonora en galego con acento fisterrán. Agardamos que atopedes un anaquiño para relaxarvos e sentarvos a escoitar a nosa historia. Cun café, coa familia, de paseo... como daquela vez se facía cos seriais de radio, agardando con ansia o seguinte capítulo. Se conseguimos iso, pagou a pena o esforzo.
Esta ficción sonora consta de 5 capítulos que se retransmitirán dende o luns día 20 ao venres 24 de setembro nesta mesma páxina web e no Facebook @concellodefisterra
Créditos:
- Actrices: Puri Insua, Ana Lourido, Sara Suárez, Lola Insua, Rosalía Mouzo, A Chata, Gema Insua, Amable Fernández, Modesta Insua, Fina Traba.
- Texto e dirección: Marta Lado.
- Técnico de son: Óscar Rodríguez.
- Montaxe de son: Diana Ramos.
- Acordeón: Rocío Lourido.
- Sintonía: Audionautix.
Agradecementos: Antonio da Casa do Mar, Silvia Sar, Iván Pereira, Óscar Rey, Antón Lestón, Ismael Romero Silva, Andrea Romero Silva, Marcial Sar, Julio César Sar, Radio Neria, Concello de Corcubión