Portal cidadán

Concello de Fisterra

"Fin da terra, fin do camiño"


Novas


ESCORA. DÍA DA DANZA 2022

19-04-2022

A danza contemporánea percorre A Costa da Morte, tomando o mar como atrezzo e conectando os corpos coa natureza, a través de obras que teñen un importante vínculo coa lingua e coa memoria. Así é a filosofía do programa ESCORA da Deputación da Coruña, que levará 6 compañías de danza a 6 concellos da Costa da Morte, no marco da celebración do Día Internacional da Danza para o ano 2022.

O programa, que se desenvolverá a fin de semana do 22, 23 e 24 de abril, conta coas actuacións das compañías do territorio galego, Clara Ferrao, Colectivo Glovo, Elahood, Eva Comesaña, Kirenida Danza e Marcia Vázquez nos concellos de Fisterra, Muxía, Laxe, Camariñas, Malpica de Bergantiños e A Laracha (Caión).

O proxecto ofrece tres días cheos de danza, con intervencións nas mañás e nas tardes, convidando aos públicos a facer unha ruta pola Costa da Morte, comezando en Fisterra o venres 22 de abril pola mañá e rematando en Malpica de Bergantiños o domingo 24 de abril pola tarde. Deste xeito, ESCORA preséntase como punto de encontro para as artes escénicas, a danza, a paisaxe, o patrimonio, a lingua e a comunidade.

Os espazos escollidos son non convencionais, xerando a oportunidade de achegar a danza ás prazas, á rúa, á pedra, con vontade de presentar unha programación de proximidade para públicos diversos. Seguindo esta intención, unha vez rematadas as intervencións artísticas, haberá un encontro coas artistas e co público, un espazo de intercambio e proximidade mediado por Marcia Vázquez e Sabela Ramos.

ESCORA é un proxecto da Deputación da Coruña que busca visibilizar o traballo artístico das compañías de danza galegas, con accións de proximidade que presentan unha oportunidade de achegar a danza a espazos pouco habituais para esta disciplina artística.
A programación conta cunha estrea absoluta, o espectáculo Alleo de Colectivo Glovo, a compañía afincada en Lugo, presenta a súa nova peza por primeira vez ante un público. Tamén forman parte do programa a galardoada peza Intempestiva, da compañía Elahood e E_migrantas de Kirenia Danza, ambos espectáculos atenden ás raíces da nosa terra galega, cunha achega á figura de Xela Arias e un retrato da emigración da última diáspora galega respectivamente, ambas compañías veñen da zona da Coruña e Oleiros. Dende Vigo contamos cos espectáculos Onde pousa a humidade de Marcia Vázquez, Miña Xoia de Clara Ferrao e Terra Firme de Eva Comesaña, tres solos de danza creados e interpretados por mulleres.

Programa
Venres 22 de abril
11.30h | Concello de Fisterra. Explanada do Porto de Fisterra (en caso de choiva: Salón de Actos)
Eva Comesaña | Terra Firme
Elahood | Intempestiva

 

Descargas

Compartir:

Novas por anos: