Portal de Turismo do Concello de Fisterra


Fisterra


Historia

Megalitismo

A zona da Costa da Morte, dentro da área atlántica, constitúe un dos centros megalíticos máis importantes de toda Galicia, tanto polo elevado número coma pola importancia destos monumentos.

O Concello de Fisterra ten catalogadas tres mámoas en Sardiñeiro de Abaixo. É case segura a existencia doutra no lugar do Castro, no Val de Duio, a xulgar pola toponímia do lugar e outra no Monte Seoane. No mesmo val, no lugar de Castromiñán, atópanse os restos dun castro, perfectamente deliñado nos contornos da paisaxe.

Non deixaremos de citar, aínda que parte da lenda, o dolmen de Orca Vella que sería a máis occidental da península e sita no cumio do Monte Facho, lugar dun intenso simbolismo, relacionado cos ritos de fecundidade e da morte, personificada na figura da mítica Orca Vella.

Naufraxios

Todo o litoral que conforma A Costa da Morte, abrupto, rochoso e cheo de perigosos baixos e acantilados, é testemuña de numerosos naufraxios, que se cobraron multitude de vidas humanas, non sendo maior esta cifra grazas á xenerosidade e ao heroísmo da xente destas terras, algunhas das cales chegaron a pór en perigo as súas vidas para salvar as doutros.

Debido á gran cantidade de sinistros acontecidos (as estadísticas arróxannos para un período de 100 anos o triste saldo de 140 naufraxios) surdiron as historias dos raqueiros, versión local dos piratas mariños, que chegaban a provocar naufraxios confundindo aos barcos e facéndoos embarrancar, conseguindo preciados botíns.

Aínda que estos relatos obedecen máis á imaxinación popular que a feitos reais.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Nas costas de Fisterra acabaron a súa singladura navíos coma o vapor Sunrise, o Monitor Captain, o mercante John Tenat, o destructor Blas de Lezo ou máis recentemente o Casón ou o Prestige.

  • 28/11/1596: 20 baxeis da Flota Española.
  • 07/09/1870: O acorazado inglés HMS Captain.
  • 25/08/1878: O mercante inglés Bitten.
  • 19/06/1882: O cargueiro inglés Zuñirse.
  • 31/06/1903: Colisión entre o barco sueco Svtpord e o inglés Tang Castle.
  • 01/06/1907: O cargueiro inglés Denewell.
  • 12/06/1932: O barco da armada española Blas de Lezo.
  • 31/03/1951: O buque inglés Ulster Duke.
  • 05/12/1987: O mercante Casón.
  • 13/11/2002: O petroleiro Prestige.
Compartir: